domingo, 5 de mayo de 2019

II FEIRA DA CIENCIA E DA LITERATURA DE BUEU

O noso cole foi convidado a participar nesta segunda edición da Feira da Ciencia e da Literatura de Bueu.
Para organizala, o primeiro que tivemos que facer foi escoller un libro cun transfondo científico e onde a figura da muller tivese certa relevancia. O libro escollido polo noso centro foi El Universo en tus Manos, de Sonia Yañez. E en torno a ese libro leváronse a cabo unha serie de obradoiros que levamos á carpa o 4 de maio para amosarlle á nosa vila que somos uns rapaces de ciencia moi aplicados.
Nesta Feira amosamos como se pode facer unha nebulosa nun frasco de cristal, como se producen os tornados e como podemos facer un telescopio caseiro. Como con iso non nos chegaba tamén podiamos facer estrelas para pendurar logo no miniplanetario da Sala Amalia Domínguez e visionar o documental "Mulleres de Ciencia" onde se recolle o testimonio de varias ex-alumnas do noso centro que decidiron optar polo mundo das ciencias.
E, como tamén somos moi tecnolóxicos, levamos a nosa impresora 3D que estivo traballando todo o día e un video xogo no que a protagonista do libro lanza estrelas coas que derriba naves alienígenas feito co Makey Makey e programado no noso centro.
Para finalizar esta entrada, gustaríame comentar que, detrás de todo o que se puido ver na carpa o 4 de maio, está o traballo de mestres que voluntariamente adicaron moitas horas fora do centro a preparar os obradoiros e a transmitirlles aos seus alumnos toda a súa sabedoria sobre estes temas para que así eles, os nosos alumnos e alumnas, puidesen explicar aos visitantes da carpa o por qué dos nosos obradoiros e como levalos a cabo.
Moitas grazas aos compañeiros que apostaron por este proxecto e, por suposto, grazas aos rapaces voluntarios e ás suas familias. Moitísimas grazas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario